O pasado sábado 30 de maio, os alumnos Diego, Carmen e Alejo, de cuarto da ESO, participaron na fase final da I Olimpíada de Bioloxía de Galicia para Secundaria, organizada polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA), celebrada no IES de Quiroga, en pleno Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel.
Ao longo da xornada, os nosos alumnos realizaron probas individuais teóricas e actividades prácticas en equipo, poñendo a proba os coñecementos, competencias e habilidades adquiridos durante a etapa de Secundaria no ámbito da Bioloxía. Entre outros aspectos, traballaron na identificación de especies, na observación mediante técnicas de microscopía e na resolución de diferentes retos científicos relacionados co medio natural.
A experiencia completouse con diversas actividades divulgativas organizadas na contorna do xeoparque. Durante a tarde, os alumnos puideron visitar o Museo Xeolóxico Municipal de Quiroga e coñecer o Monumento Natural do Pregamento Xeolóxico de Campodola-Leixazós, un dos enclaves xeolóxicos máis relevantes de Galicia e referente científico dentro do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel.
A xornada concluíu coa entrega de diplomas en Ribas de Sil (Lugo) e cunha magnífica noticia para o noso centro: o equipo obtivo a Medalla de Ouro desta primeira edición da Olimpíada.
Queremos felicitar a Carmen, Diego e Alejo por este excelente resultado, froito do seu esforzo, curiosidade científica, capacidade de traballo en equipo e interese polo coñecemento e a comprensión do medio natural.


