Coincidindo co décimo aniversario da Escola Secundária Inácio de Loyola (ESIL), celebramos tamén xuntos dez anos de irmandamento co Colexio Santa María do Mar da Coruña. Un camiño compartido que reflicte o carácter universal da Compañía de Xesús e a súa capacidade para crear vínculos entre comunidades educativas de realidades moi diferentes, unidas por unha mesma maneira de entender a educación como ferramenta de transformación.
O impacto destes dez anos de colaboración foi moi significativo. A ESIL consolidouse como un centro educativo de referencia na zona, cunha influencia que transcende as súas aulas e chega a outras escolas, familias e comunidades das localidades próximas.
Estes días, un equipo vinculado á UDC e ao CIFP Someso realiza unha estadía formativa na ESIL, desenvolvendo accións de formación en etnomatemática en tres distritos da rexión, emprendemento, Intelixencia Artificial e soldadura. Esta última formación enmárcase no proxecto de creación dunha futura escola de Formación Profesional na ESIL, destinada a ampliar as oportunidades de formación e emprego para a mocidade da zona. Ademais, púxose en funcionamento unha nova aula de informática grazas á colaboración coa USC.
En todas estas accións, o irmandamento continúa a ser un elemento esencial. Para o profesorado e o alumnado da ESIL, Santa María do Mar é un centro de referencia, apoio e guía. Dez anos despois, este vínculo mostra como a dimensión universal da Compañía de Xesús se fai realidade a través da cooperación, da aprendizaxe mutua e dun compromiso compartido coa educación e co desenvolvemento das comunidades.


